Monday 16 de September de 2024

Aberto o prazo de inscrición para unha andaina temática gratuíta pola segunda etapa do Camiño Inglés 


Será o vindeiro 13 de setembro dende a Igrexa de Santiago do Burgo ata Aquelabanda, cun percorrido total de 14 quilómetros 

Está organizada polo alumnado do obradoiro de emprego ‘Unha ventá ao porto medieval da Coruña’ 

O alumnado do obradoiro de emprego ‘Unha ventá ao porto medieval da Coruña’ do Concello organiza unha actividade para a posta en valor do Camiño de Santiago na comarca. O vindeiro 13 de setembro realizarase unha andaina guiada pola segunda etapa do Camiño Inglés, gratuíta e aberta a todos os públicos. 

A ruta conta cun percorrido de 14 quilómetros de baixa dificultade. Ten como punto de saída a Igrexa de Santiago do Burgo ás 8.30 horas da mañá, rematando ao chegar a Aquelabanda, en Abegondo. Para favorecer a participación e mobilidade, porase un autobús de regreso dende Aquelabanda ao punto inicial da ruta. Tamén realizará unha parada fronte á Estación de Autobuses da Coruña. 

En total a ruta conta cun total de 55 prazas dispoñibles. As persoas interesadas en realizar a andaina deberán inscribirse no seguinte formulario antes do vindeiro 9 de setembro: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScSM5eEKfpptG1KQn6CINWoa0Xl8B8xoI9WQ8YSpql 5ETgWoA/viewform. 

A posta en marcha desta actividade, a través do obradoiro de emprego ‘Unha ventá ao porto medieval da Coruña’, enmárcase na aposta do Goberno de Inés Rey para a dinamización cultural e turística da cidade e a súa área, poñendo en valor o seu patrimonio. 

Para máis información sobre o programa de emprego, poden consultarse as súas redes sociais: instagram (@co.cu.me), facebook (Cocume Coruña) e TikTok (@co.cu.me).